Diario de gravación. Sesión de baixos.

Dende ás dez da mañán que chegamos a Pousada con toda puntualidade continuamos co alicatado do disco. Martes cheo de liñas de baixo . Carlos, coma sempre, trouxo ben traballados e estudados os temas e daquela todo foi con moita fluidez.

A liñas de baixo quedaron perfectamente apegadas ás baterías e entre os dous fan unha base rítmica de primeira para que agora os demais continuemos poñendo enriba o noso choio.
Carlos estivo de matrícula coma sempre e doulle ás cancións carácter a saco e moita contundencia.

Foron unha chea de horas de curro pero ó escoitar o resultado aínda nos entra máis enerxía para o choio que queda por diante.

Agora empezará Miguel coas guitarras.

Continuamos adiante ¡!!
Saúde queridñ@s ¡!

(foto by Rober)

Diario de gravación. Primeira sesión.

Diario de gravación. Primeira sesión.

Baterías, baterías e baterías. Así foi a primeira sesión de gravación entre o xoves e o venres.

Chegamos cediño a Pousada Son onde nos agardaba Iago Pico e a iso das 10.00 da mañán xa estábamos montando a batería, afinándoa ben e preparando todo para comezar a gravar.

Neste disco xa veredes que hai cancións que van endiañadas de velocidade e que precisan dun extra de contundencia e intensidade así que a tarefa para Héctor non era doada e aínda que xa todo viña ben testado e ensaiado do local de ensaio, e da preprodución que fixemos, na hora da verdade sempre hai que dar ese plus que faga que todo quede o mellor posible. E aí estivo Héctor dando unha lección total e deixando unhas baterías caralludas, precisas e contundentes.

Traballazo de primeira de Héctor nesta primeira sesión de gravación entre xoves e venres e que xa deixa todo ben cimentado para o turno de Carlos que comezará a meter baixos o martes.

Continuamos currando e informando …
Boa finde queridiñ@s !!

(fotos by Rober)

Diario de gravación. Dous, tres ensaios antes.

O próximo xoves comezamos a gravar. Quédannos dous ou tres ensaios para ir limando as últimas “asperezas” e listo.

A verdade é que vai ser este o disco que máis escoitado levamos antes de entrar en estudio pois levamos xa unhas semanas facendo unha pre-produción gravando e regravando no local de ensaio todas as cancións.

Baixo a batuta de Miguel nos botóns das máquinas (ademais de bourar nas guitarras), fumos rexistrando, un por un, a nosa intervención en cada peza . Despois el foi editando e facendo mesturas para presentarnos o traballo xa nunha fase de alicatado moi próxima o posible resultado final.

O traballo de Miguel está sendo espectacular e as cancións xa soan caralludas caralludas.

Agora o dito, unha ultimísima pulida e a gravar coa ilusión e a enerxía polas nubes.

Seguiremos informando. Saúde queridiñ@s !!

(foto by Rober)

diario de gravación_semana e media antes

Diario de gravación. Semana e media antes.

Máis de tres meses levamos metidos nun cortello inventando cancións novas. Tres meses xa. Pasaron nun abrir e fechar de ollos e dentro de semana e media caemos de novo nos doces labirintos do estudio de gravación para facer o noso próximo disco. E crédenos cando vos digamos que de verdade ás veces perdemos a conta dos que levamos.

20 “ será o título do disco e máis ou menos fala exactamente deso. De vinte anos que pasaron en 20”.

Traballamos con auténtico pracer nestas novas cancións e a tarefa está sendo ben gratificante.

Faremos un diario de gravación para irvos contando como nos van as cousas por aquelo de se tedes un tempo e queredes enredar con nós e entretervos un pouco se vos peta.
Ademais teremos ó grande Rober coa súa cámara de fotos retratándonos todo o proceso así que temos pingas de arte fotográfico asegurado neste diario de invento e gravación de cancións.

de celebracións

Non somos nós moito de celebracións e ademais postos a celebrar pois teriamos que celebrar todos os días o feito de que seguimos aquí, de pé, na fura de diante da vida e coas pilas rockeiras máis cargadas que nunca.

Que a vida non deixa de dar voltas e que aguantar coas ilusións intactas despois de 20 anos xa é para quedar contentos e non lle pedir moito máis. Que levamos uns anos de carallo. Que non paramos nunca, que nunca faltaron concertos nin amig@s diante do palco nin tampouco con quen brindar tanto nos días amargos coma nos días contentos.

E si, así como quen non quere a cousa, aló van 20 e nós nas mesmas e sen saber moi ben como vai isto das celebracións.

Celebrarémolo si, pero farémolo á nosa maneira. Gravaremos un disco novo coas cancións que andivemos a construir nos últimos ensaios, faremos uns cantos videoclips se tal, faremos concertos coma sempre fixemos e tocaremos nos festis que nos chamen coma sempre fixemos e despois, aló a finais de ano, se todo vai como ten que ir pois quen sabe se alugaremos unha sala do país e vos xuntamos a tod@s para que brindedes por nós, polos 20 que van aló, por outros 20 que xa molaban e para desexarnos sorte mutua no futuro da vida.

En calquera caso estamos de celebración polos nosos 20 e por tervos aí. Xa vos iremos contando pero iso si, vós seguide queréndonos moito aínda que os anos nos avellen un pouco. 

Bicos para tod@s queridiñ@s.

SEMPRE ADIANTE de Jairo Iglesias

Despois de ano e pico compartindo vida e música co director Jairo Iglesias por fin chega o momento de disfrutar de “SEMPRE ADIANTE” o documental que xira entorno á nosa existencia musical.

Foron meses de moito traballo e moita vida e sempre coa cámara de Jairo prendida ó noso carón. Dende a presentación do “Némesis” ata a presentación do “Un mundo perfecto” e polo medio moitos concertos, moitos ensaios, moitas conversas e a gravación do disco.

Nós xa estamos desexando ver todo o traballo de Jairo despois de horas de gravación e de montaxe e agora xa sabemos o día da estrea. Sábado 13 de xuño no Teatro Principal en Compostela.

Para asistir terás que ter unha invitación do grupo pois non se poñeran entradas á venda … e se queres unha invitación escribe a ruxeruxe@ruxeruxe.com e reservámosche a túa invita (ata fin de existencias)  :).

“SEMPRE ADIANTE” … UN ANACO DE VIDA VIVIDO E  CAPTURADO POR JAIRO IGLESIAS.

cartaz documental sempre adiante