Padrón 25/7/14

Estivemos onte tocando en Padrón celebrando o Santiaguiño e o día grande do país.

Foi día de reencontros. Trospireamos co Pinto D`Herbón que nos veu visitar cos seus pequenos e co que lembramos un feixe de aventuras daqueles tempos nos que lle fixemos de banda ós seus himnos bravús. Nitramón 15 15 15 , a motoserra, non vou … finais dos 90  !! foron outros tempos, ben bonitiños por certo e ben gardados na nosa colección de días felices. Tamén fantaseamos coa idea de facer uns cantos ensaios de todo aquelo e facer un concerto xuntos polo vindeiro inverno … a ver en que queda todo !!!

Tamén nos reencontramos con Bili, aquel mozo teimudo que foi quen de armar un fetival en Extramundi no ano 97 e no que tivo a idea de chamar ós ruxe … festival no que cadramos con xente que despois foi e é tan importante nos nosos anos de rock e amizade musical coma os míticos Drinkin Tinto. Festival que foi dos primeiros en apostar polos ruxe e no primeiro no que tocamos para un feixe de xente. Aínda lle botamos unhas risas lembrando aquel concerto, o sombreiro en chamas dos Drinkin, aínda que había dúbidas sobre se o que ardera fora o sombreiro ou unha camisola, sobre aquela cea tan bravú e especial e sobre todo de aquela carpa ateigada de xente ó abrigo dun temporal de choiva e vento que metía medo naquela noite de Extramundi. Por suposto que tamén fantaseamos cunha reedición do festival de Extramundi agora que pronto se cumpren 20 anos daquelo. Cando Bili queira comezamos a vender rifas para ir sacando uns ouros para sacar adiante o festi. 🙂

Despois tamén falamos co grande Anxo Angueira do Manselle veciño, teimudo, vermello e irreductible. Non lle sacamos información de para cando a súa nova publicación pero dende logo que sempre é un pracer e un regalo para os nosos sentidos intercambiar palabras e vida co enorme Angueira.

E por suposto o concerto. Moita xente nova nas primeiras filas cantando as cancións e mención especial para esa “adiante” que nos cantastes mentras nos preparabamos para os bises. Puxéronsenos os pelos de punta e deixástesnos o sistema emocional coma un caldeiro furado. Moitísimas grazas !!!!

Unha data ben fermosa para nós e moita enerxía que levamos de Padrón para o resto de datas que quedan do verán.

Grzs sentidas xente !!! Grzs por vir a compartilo con nós !!!

A próxima na Festa de Quintáns en Muxía !!!

SAÚDE E TERRA !!!!