DIARIO DE GRAVACIÓN_día_4

Xan, Torroncho e Vituco

DIARIO DE GRAVACIÓN.
Día 4. Corta feira, 3 de decembro.

Tivemos mañán de saxos. Xan andivo a meter melodías e tamén perfilando uns arranxos de metais que gravarán na finde uns amighiños dun grupo que nos presta moito.

Son un montón de cancións e aínda levou unhas horas este primeiro asalto de saxos pero pouco a pouco tema tras tema fóronse deixando querer por Xan e moitos deles xa quedaron practicamente perfilados de todo.

Pola mañán saxos e pola tarde comezamos con voces. Uns chupiños de whisky despois de xantar e alá fumos ó lío. Desta vez o caracter das cancións asemella bastante diferente do feito ata agora polo grupo e nas voces tamén se ten que notar.

Tres horas de cantadas por Vituco e alá foron practicamente a metade das cancións. Tamén haberá que darlle unha escoita e probablemente mudar algunhas cousas pero tamén quedaron  ben perfiladas e cerca do resultado final.

Daquela esta xornada 4 de gravación foi moi productiva e hoxe continuaremos na mesma liña. Saxo e voces e despois pola última da tarde comezaremos con gaitas, pero ise xa é outro cantar.

E por certo fíxonos moita ilusión a visita de Torroncho polo estudio que andivo a escoitar os temas, a compartir uns chupiños, dar uns abrazos e darnos as súas bendicións para o novo disco. Un pracer ghrande coma un mundo vamos :)

Continuamos choiando e continuaremos informando dende a liña do frente.

Saúde camaradas !! 

 

DIARIO DE GRAVACIÓN_día_3

gravando novo disco

DIARIO DE GRAVACIÓN.
Día 3. Martes 2 de decembro.

Despois dun luns de traballo de niquelado de baterías e con Iago perdido estre os faders da mesa de son chega o momento de darlle outra vez ó rec.

Chegou o martes e alá fumos para os Pousada Son. E dende as 10.00 h aló andivemos a voltas cos baixos das cancións.

Como vedes estamos cociñando rápido e nesa idea continuamos. Queremos que o novo disco sexa un disco sen moito artificio, quente e moi directo e daquela a gravación dos baixos continuou nesa liña.

14 liñas de baixo concisas, moi ben arranxadas e mooooi ben tocadas por Carlos.

As bases de baixo e batería quedaron impecablemente empastadas e con moita enerxía e dinámica e o traballo de ensaio está dando os seus froitos de maneira excelente. Ademais agora xa coas baterías e os baixos rematados e coas guías de fondo xa comezan a soar da oxtia as cancións.

Hoxe mércores comezamos saxos e voces.

Continuamos a todo trapo.

saúde amighiñ@s !!

DIARIO DE GRAVACIÓN_día_2

10403812_880299425354645_6218980878599935496_o

DIARIO DE GRAVACIÓN.
Día 2. Domingo 30 de novembro.

Dende ás 10.00 h estivemos en Pousada dándolle ás baterías. Traballo intenso pero moi fructífero xa que rematamos todas as cancións que faltaban e aínda demos unha escoita repaso para dar o ok defintivo a todas as bases de batería.

Hai que decir que entre a nova mesa analóxica dos Pousada e o talento de Sevi bourando e Iago detrás dos faders nunca tan ben soaron as baterías de ruxe nunha gravación  :)  así que a cousa promete.

Tamén andivo por alí Jairo coa cámara para falar con nós e continuar recollendo material para a docu.

Agora o luns será sesión de niquelado e tratamento sonoro das baterías por parte de Iago para despois o martes comezar cos baixos. Será o turno de Carlos que xa ten ganiñas de entrar no estudio e ten todo moi ben mirado e beeeeen preparado para comezar o traballo.

Seguiremos poñéndovos ó día …

Saúde camaradas ¡!

 

DIARIO DE GRAVACIÓN_día_1

CYMERA_20141129_140528

DIARIO DE GRAVACIÓN.
día 1 / sábado 29 de novembro.

Hoxe comezamos a gravación do disco. Ás 10.30 da mañán chegamos ós estudios Pousada Son Miguel, Carlos e Sevi. Iago xa estaba alí esperándonos e con toda a batería e a microfonía chequeada e lista para comezar a gravación.

Gravamos guías de guitarra e de baixo e un pouco máis tarde chegou Vituco e tamén fixemos guías de voz. Unha vez feitas as guías comezamos a darlle xa en serio ás baterías definitivas. Traballo que nos levou todo o día e co que continuaremos mañán domingo.

Están quedando ben bonitas e ben contundentes e disfrutamos dun Sevi en plena forma dando unha lección rockeira en cada tema. :)

Máis tarde pasáronse polo estudio Xan e Xaco e tamén tivemos a visita de Raio (o noso webmaster) que andivo a tirar unhas fotos e a curiosear nas letras das cancións.

Todo vai avante toda. As baterías están poñendo uns cimentos ben sólidos para o que veña despois e o traballo de Iago na producción está sendo impecable.

Moi contentos desta primeira xornada de gravación. Mañán máis.

Bicos ghrandes dende o noso refuxio sonoro.

Continuaremos informando.

Apertasas amighiñ@s !

DIARIO DE GRAVACIÓN

20141003_162253

DIARIO DE GRAVACIÓN.
sexta feira, 28 de novembro de 2014.

Hoxe andamos a recoller e a preparar as cousas que temos que levar ós estudios Pousada Son. Mañán, sábado 29 de novembro, ás 10.30 da mañán comezamos a gravación do noso décimo traballo discográfico.

Estaremos producidos, ó igual que no recenté “Némesis”, por Iago Pico e imos gravar 14 cancións.

A nosa intención é facer un disco optimista e fresco e que veña a darlle unha volta de folla ó apocalíptico “Némesis”.

A idea de facer este traballo tan encima da saída do anterior disco ven motivada polas nosas ganas de darnos o mellor autoagasallo do mundo e tamén un feixe de osíxeno para seguir adiante na nosa maneira de entender a música. E tamén, probablemente, como a celebración persoal, íntima e “privada”, xa que nós non che somos moito de festas-celebracións, de meternos nun estudio 20 anos despois de comezar a ensaiar e a facer cancións con esta teima de ruxe-ruxe aínda que oficialmente ben sabemos que o debut de ruxe-ruxe sobre as táboas dos escenarios do país foi no 96.

Será un traballo intenso pois queremos gravar de maneira ininterrumpida ata ter todo feito, aquelado e ben reaquelado e así poder enviar canto antes todo a fábrica.

Ó mesmo tempo Jairo Iglesias, da man de Pixel Fims, irá recollendo material e rematando a documental sobre ruxe-ruxe na que ven traballando dende fai uns meses e se todo vai sobre o previsto moi pronto vos daremos datas de presentación do disco e tamén a data de estrea do documental nun cine de Compostela.

Daquela contamos con vós …

e nós sempre agradecidos !!!

Comezamos a traballar. A ver que tal sae o resultado.

Seguiremos informando de cómo vai o proceso. 

Sempre adiante !!

HERDEIROS DA DITADURA

No 2013 Dios Ke Te Crew celebraron o seu 10 aniversario e dende ruxe-ruxe andabamos coa idea de facerlles a nosa homenaxe particular. Pensamos que facer e non se nos ocurreo mellor maneira que versionear “Herdeiros da ditadura”  un dos clásicos da música galega contemporánea. Tamén é certo que fixemos algo de trampa pois xa a tocamos con eles en directo nalgunha ocasión. O caso é que así nos quedou e agardamos que vos guste moito e que sobre todo lles guste a eles :)

Por outros 10 dos Dios Ke Te Crew !!! saúde e terra camaradas !!!!

recomendacións

CYMERA_20140915_130218

Aquí tendes dous grupos cos que compartimos escenario neste último verán. Dúas bandas novas que son exemplo do que se está a cocer na música galega nos últimos tempos.

BORDERLINE79 estoupan en universos evocadores e co pouso do rock pesado, de factura fermosa e feita a golpe de calidade e talendo firmando un primeiro traballo discográfico que nos atrapou totalmente deixándonos con ben ganas de ver cara onde camiñan nun futuro musical que vaia se promete. En directo demostran que o rock do país está de celebración e de noraboa coa forza e talento que traen os que veñen dende atrás dando leña e construíndo cancións caralludas. 

SUPEROITO son tres que andan no punk rock e que destilan enerxía, honestidade e cancións que che deixan pegañento coma cando se che cae sobre a pel un bo likor de herbas. Son rockeiros e trepidantes e falan da vida dende Ordes. O seu disco é un agasallo de festa punk-rokeira e no seu directo encantáronos.

Recomendados quedan aquí por uns servidores. Escoitádeos e disfrutádeos :)