DIARIO DE GRAVACIÓN_DÍA_8

DIARIO DE GRAVACIÓN.
Día 8. Domingo 7 de decembro.

O domingo so gravamos pola mañán e deixamos a tarde libre por aquelo de que a familia nos vexa e teña constancia de que estamos vivos aparte de sabelo por ler este diario. 🙂

Daquela de 10.00 a 13.30 Miguel fixo ruxir guitarras en Pousada.

As guitarras deste disco son punkeiras e un pouco menos densas que as do Némesis. Estas novas cancións piden guitarras sachadoras e que respiren ben dando profundidade e agarre pero cun son máis clásico ou vintage que dirían os modernos.

Miguel está facendo un traballazo e está poñendo a guinda a unha gravación na que o grupo deu de sí máis que en ningún outro disco. E tamén, e quizais debido ó carácter que dá unha gravación condensada en tan pouco tempo, todas as cancións estan collendo o punto do momento e eso mola un montón. –Vivimos neste instante. Estamos aquí e agora. Este é o momento de facelo e facémolo-.  Fetén. 🙂

O caso é que Miguel acabou este domingo as guitarras rítmicas e mañán luns dende ben cedo pola mañán tocan arranxos, solos, melodías e o que faga falta.

Daquela xa vos contaremos mañán como nos foi.

Saúde e terra !!!

ah !! e grazas por lernos !!

bicos !!

DIARIO DE GRAVACIÓN_DÍA_7

DIARIO DE GRAVACIÓN.
Día 7. Sábado, 6 de decembro.

Pois así como non quere a cousa estamos xa chegando ó tramo final da gravación do disco.

O sábado ás 10.00 h arrancamos coas guitarras. Miguel fixo na mañán case a metade das rítmicas poñendo a soar o Bogner coma unha máquina de mallar. Gravou de momento con dúas Les Paul e mañán vaille tocar o turno a unha Telecaster e a un par de bichos máis que temos por alí. De momento hoxe foi toma de contacto para ir quencendo para xa mañán centrar toda a gravación en guitarrear.

E pola tarde viñeron os nosos invitados de luxo para colaborar neste disco. Dous metais de Biribirlocke. Martín e Roberto, saxo e trompeta, que fixeron trío de metais co Xan e deixaron unhas cantas cancións do disco cuns arranxos caralludos. Mirade que son bos os metais dos Biribirlocke e dende que tocaron con nós na presentación do Némesis xa tiñamos ganas de metelos a gravar con nós. Rapaces e músicos espectaculares. Ademais tamén andivo polo estudio de apoio moral Héctor, o bateria dos Biribirlocke. 

Tamén nos molou que por primeira vez na gravación cadramos os seis ruxes xuntos no estudio que ata o de agora por horarios de uns e outros non puidera ser. E Jairo todo o día con nós gravando e gravamdo material para ese documental que está a facer sobre ruxe. Molou moito este sábado. 🙂

E mañán guitarras e máis guitarras e máis guitarras con Miguel de capitán.

Xa vos contamos.

Veña que estamos na recta final.

Bicos para todas e todos.

DIARIO DE GRAVACIÓN_día_6

DIARIO DE GRAVACIÓN.
Día 6. Sexta feira, 5 de decembro.

Alá foi o sexto día de gravación e xa case rematando. Onte ó igual que antonte traballamos nas voces do disco e xa case case que as temos rematadas. Faltan os coros e algunha carallada máis que se nos acorde polo camiño.

Neste disco a verdade é que chegamos coas cancións bastante claras pero tamén coa idea de poder mudar cousas no estudio segundo nolo pedira o corpo e nesas andamos.

Outra cousa que rematamos onte foron as gaitas. Niqueladas, afinadiñas e cunhas melodías que xa veredes. De novo o master Tomás Ageitos estivo tripulando a nave de Xaco e entre os dous fixeron un traballo excelente. Agora Iago terá que traballar na mestura pero a materia prima é de primeira.

E onte tamén foi un día importante para a gravación do documental. Jairo andivo de novo toda a xornada coa cámara atento á nosa maneira de traballar e preguntándonos un montón de cousas que seica despois irá montando de cara ó resultado final. Está sendo unha experiencia eso de ter a Jairo coa cámara prendida a todas horas ó noso carón pero a verdade é que estamos comezando a collerlle o punto e sobre todo tendo en conta que Jairo xa é un máis dentro do estudio e do funionamento do grupo 🙂

Foi un día moi bonito e continuamos disfrutando moito do proceso e máis aínda co quentiños que estamos dentro do estudio e vendo o frío que fai fóra. Vituco e Xan aínda non sacaron a gorra da cachola nin un minuto de gravación.  🙂

Continuamos hoxe con guitarras. Tócalle o turno a Miguel.

A guitarrear !!!

Continuamos contándovos mañán !!

apertas ghrandes amighiñ@s e que teñades unha boa finde !!!

DIARIO DE GRAVACIÓN_día_5

DIARIO DE GRAVACIÓN.
Día 5. Quinta feira, 4 de decembro.

Continuamos avante toda intensos e productivos e estamos disfrutando moitísimo na gravación deste disco. Onte foi día de voces. Vituco rematou de cantar todas as cancións aínda que probablemente ó final do proceso haberá que retocar e regravar algunha cousinha.

E pola tardiña comezamos a gravar gaitas. Para a gravación das gaitas quixemos contar co master Tomás Ageitos que é un mestre na materia e aló viaxamos dos Pousada Son estudios ó Estudio A Ponte.

Alí puxémonos en mans de Tomás que estivo a sacar o mellor de Xaco en cada tema. Liquidaron a metade das cancións nunha sesión que rematou ás 00.00 h despois de horas de curro.

A verdade é que foi un pracer esa visita ós sempre impresionantes Estudios A Ponte e sempre é unha gozada compartir e traballar co grande Tomi.

Tamén estivo Jairo toda a tarde con nós apúntándonos coa súa cámara de video para esa docu que segundo dí está quedando caralluda … e ademais tamén veu de visita outro crack … o Rober que veu coa súa cámara de fotos a inmortalizarnos. Vamos que estivemos a botar por fóra e ben entretidos. 🙂

Hoxe pola tarde toca continuar coas gaitas así que de novo pola Ponte.

Está quedando un disco chulísimo !!!! Xa estamos desexando telo rematado. Xa queda menos.

Apertasas ghrandes criaturas !!!

DIARIO DE GRAVACIÓN_día_4

DIARIO DE GRAVACIÓN.
Día 4. Corta feira, 3 de decembro.

Tivemos mañán de saxos. Xan andivo a meter melodías e tamén perfilando uns arranxos de metais que gravarán na finde uns amighiños dun grupo que nos presta moito.

Son un montón de cancións e aínda levou unhas horas este primeiro asalto de saxos pero pouco a pouco tema tras tema fóronse deixando querer por Xan e moitos deles xa quedaron practicamente perfilados de todo.

Pola mañán saxos e pola tarde comezamos con voces. Uns chupiños de whisky despois de xantar e alá fumos ó lío. Desta vez o caracter das cancións asemella bastante diferente do feito ata agora polo grupo e nas voces tamén se ten que notar.

Tres horas de cantadas por Vituco e alá foron practicamente a metade das cancións. Tamén haberá que darlle unha escoita e probablemente mudar algunhas cousas pero tamén quedaron  ben perfiladas e cerca do resultado final.

Daquela esta xornada 4 de gravación foi moi productiva e hoxe continuaremos na mesma liña. Saxo e voces e despois pola última da tarde comezaremos con gaitas, pero ise xa é outro cantar.

E por certo fíxonos moita ilusión a visita de Torroncho polo estudio que andivo a escoitar os temas, a compartir uns chupiños, dar uns abrazos e darnos as súas bendicións para o novo disco. Un pracer ghrande coma un mundo vamos 🙂

Continuamos choiando e continuaremos informando dende a liña do frente.

Saúde camaradas !! 

 

DIARIO DE GRAVACIÓN_día_3

DIARIO DE GRAVACIÓN.
Día 3. Martes 2 de decembro.

Despois dun luns de traballo de niquelado de baterías e con Iago perdido estre os faders da mesa de son chega o momento de darlle outra vez ó rec.

Chegou o martes e alá fumos para os Pousada Son. E dende as 10.00 h aló andivemos a voltas cos baixos das cancións.

Como vedes estamos cociñando rápido e nesa idea continuamos. Queremos que o novo disco sexa un disco sen moito artificio, quente e moi directo e daquela a gravación dos baixos continuou nesa liña.

14 liñas de baixo concisas, moi ben arranxadas e mooooi ben tocadas por Carlos.

As bases de baixo e batería quedaron impecablemente empastadas e con moita enerxía e dinámica e o traballo de ensaio está dando os seus froitos de maneira excelente. Ademais agora xa coas baterías e os baixos rematados e coas guías de fondo xa comezan a soar da oxtia as cancións.

Hoxe mércores comezamos saxos e voces.

Continuamos a todo trapo.

saúde amighiñ@s !!

DIARIO DE GRAVACIÓN_día_2

DIARIO DE GRAVACIÓN.
Día 2. Domingo 30 de novembro.

Dende ás 10.00 h estivemos en Pousada dándolle ás baterías. Traballo intenso pero moi fructífero xa que rematamos todas as cancións que faltaban e aínda demos unha escoita repaso para dar o ok defintivo a todas as bases de batería.

Hai que decir que entre a nova mesa analóxica dos Pousada e o talento de Sevi bourando e Iago detrás dos faders nunca tan ben soaron as baterías de ruxe nunha gravación  🙂  así que a cousa promete.

Tamén andivo por alí Jairo coa cámara para falar con nós e continuar recollendo material para a docu.

Agora o luns será sesión de niquelado e tratamento sonoro das baterías por parte de Iago para despois o martes comezar cos baixos. Será o turno de Carlos que xa ten ganiñas de entrar no estudio e ten todo moi ben mirado e beeeeen preparado para comezar o traballo.

Seguiremos poñéndovos ó día …

Saúde camaradas ¡!

 

DIARIO DE GRAVACIÓN_día_1

DIARIO DE GRAVACIÓN.
día 1 / sábado 29 de novembro.

Hoxe comezamos a gravación do disco. Ás 10.30 da mañán chegamos ós estudios Pousada Son Miguel, Carlos e Sevi. Iago xa estaba alí esperándonos e con toda a batería e a microfonía chequeada e lista para comezar a gravación.

Gravamos guías de guitarra e de baixo e un pouco máis tarde chegou Vituco e tamén fixemos guías de voz. Unha vez feitas as guías comezamos a darlle xa en serio ás baterías definitivas. Traballo que nos levou todo o día e co que continuaremos mañán domingo.

Están quedando ben bonitas e ben contundentes e disfrutamos dun Sevi en plena forma dando unha lección rockeira en cada tema. 🙂

Máis tarde pasáronse polo estudio Xan e Xaco e tamén tivemos a visita de Raio (o noso webmaster) que andivo a tirar unhas fotos e a curiosear nas letras das cancións.

Todo vai avante toda. As baterías están poñendo uns cimentos ben sólidos para o que veña despois e o traballo de Iago na producción está sendo impecable.

Moi contentos desta primeira xornada de gravación. Mañán máis.

Bicos ghrandes dende o noso refuxio sonoro.

Continuaremos informando.

Apertasas amighiñ@s !