Preguntas e respostas.

Cantas veces nos preguntaron aquelo sobre cantar en galego.

Non temos resposta aparte de que en Aríns somos monolingües, que verjonsa verdade?. E supoño que por imitación ás bandas que nos marcaron cando comezamos nesto da música aínda que daquela tamén teriamos que cantar en español, en ingles ou incluso en euskera.

Se eramos bravús ou non o eramos cando non sabíamos nin sequera que queríamos ser. E ben é certo que aí a nosa admiración polas bandas bravús enchianos de ilusión cada vez que algún xornalista nos metía nese carro. Menuda honra.

E pola gaita e polos ritmos tradicionais en moitas das cancións. E polas letras costumistas e de cheiro á aldea, pouco rebuscadas e cantadas ó chou.

O certo é que cando empezou esta historia pronto nos demos conta do malos que eramos facendo versións doutros grupos. Tamén nos demos conta que o blues nos parecía algo soporífero e que eramos demasiado vagos para ir a unha escola de jazz. Que o punk berreta tampouco nos molaba un carallo e que Manu Chao pois tampouco nos parecía gran cousa. A nós gustábannos os Zenzar, os Kortatu, os Korosi Dansas, os Enemigos, os nosos veciños de San Lázaro Túzaros, os Clash, os Pogues, os Siniestro, os Diplomáticos, os Talking Heads, os Fuxan, os Pixies, os Stranglers, a Polla Records, Motorhead e os Rastreros … e máis cousas que agora mesmo non me acordan ou que é mellor nin acordarse pero que por aí andaban.

Así que decidimos facer as nosas cancións. Todo o orixinais que fosemos capaces tendo en conta que de talento sempre andivemos bastante xustos. Copiamos o que poidemos, estruxamos na nosa maltreita e particular capacidade creativa e fixémonos devotos de facer as cousas á nosa maneira importándonos todo o demais tres carallos e medio.

Fixemos amig@s, enemig@s, soci@s, compañeir@s de viaxe. Centos e centos de concertos. Sacáronnos millóns de fotos. Saimos na radio e na tele. Tocamos ben, moi ben, mal, fatal. Choveu, fixo sol. Abrimos festivais, pechamos festivais. Tocamos no país, fóra do país. No continente, fóra do continente. Ata case tocamos en Aríns, o outro día, por uns metros, no Monte do Gozo no Brincadeira.

Tamén gravamos discos e un montón de cancións e tamén fixemos videoclips.

E que vos queremos decir con todo esto …?

Pois que tanto ten. Que non hai respostas a certas preguntas. Pero que seguimos adiante. Que empezamos con este proxecto no 95 aínda que ata o 96 non se fixo o primeiro concerto e que xa van alá case que 20 anos.

Que nola pela bastante en canto a certas cousas. Que canto maís vellos máis rabudos. Que o noso soño é seguir soñando e que a ver se temos a sorte de un día facer unha canción das boas de verdade.

Non sabemos se chegará ese día pero seguirémolo intentado con toda a nosa ilusión.

… e mentras … a seguir disfrutando xunto a vós … que 19 non son nada ¡!!

Share

×

Deixar unha resposta

*