Comezamos a tocar no 95 aínda que o primeiro concerto “oficial” co nome de ruxe-ruxe foi no 96 na Serra de Outes. Faciamos versións de grupos que nos molaban ata que caemos na conta de que nos era máis doado facer temas propios á nosa maneira e medida que destrozar versións de cancións que nos encantaban e que despois de pasar polas nosas mans quedaban en irremediable desfeita.

En Aríns non se falaba en español. Vaia, iso era bastante obvio pero de certo o que nos empurrou a facer cancións en galego foi escoitar e coller o exemplo de grupos que de súpeto caeron nas nosas mans.

Falábase de bravú. E nós nin eramos nin deixabamos de ser. Nós so admirábamos a aqueles grupos soñando con poder compartir escenarios algunha vez con eles.

E así foi.

E aprendemos deles e compartimos con eles e de moitos ata fomos e somos amigos. E fixemos de banda de Pinto D´Herbón en memorables concertos. E tocamos cos Diplos, cos Rastreros, cos Papaqueixos, cos Túzaros … E xantamos e ceamos con eles e saímos a tomar tróspiros con eles en noites de inesgotable sede. Algúns ensaiaron no noso cortello e absolutamente todos eles teñen un sitio privilexiado no noso estante predilecto de vinilos, cassettes e cds. E por suposto que no olimpo do noso corazón de galeg@s ben orgullosos e ben fachendosos do noso, da nosa cultura e da nosa música.

Que si somos bravú?. Máis quixeramos amighiñ@s que parecernos aínda que so fose unha mighalla a xente á que admiramos tanto.

Vai por eles.

XX de bravú. XX anos non son nada.

Deixar unha resposta

*